Tuesday 21 de May de 2024

Nava Castro destaca a metodoloxía moderna e eficaz do Centro Superior de Hostalería de Galicia que combina práctica e teoría


A directora de Turismo de Galicia e a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia presentaron os proxectos de viabilidade empresarial do Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia presentaron esta mañá os proxectos de viabilidade empresarial do Certificado de Elaboración e Xestión en Cociña do centro de formación.

Na rolda de prensa, que contou tamén coa participación do bartender David Ortiz, mentor dun dos proxectos, a directora de Turismo de Galicia destacou que o turismo constitúe un dos sectores máis activos e con maior capacidade de desenvolvemento da nosa comunidade, onde representa o 11% do PIB e máis do 11% do emprego. “Estes datos demostran que é un sector cheo de oportunidades e no que a calidade e a busca constante da excelencia é fundamental”, afirmou.

Nava Castro explicou que, dada a importancia e peso deste sector, desde Turismo de Galicia apóstase por un tecido empresarial formado por empresas e profesionais competitivos e para elo impúlsanse iniciativas a prol da calidade, da formación e do asesoramento.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta destacou a creación do Centro Superior de Hostalería de Galicia en 1993 que dende a súa posta en marcha –en 1995- formou xa a máis de 2.000 directivos que desenvolven o seu labor en empresas hostaleiras e turísticas de todo o mundo converténdose nun centro de referencia a nivel internacional.

Así mesmo, fixo referencia á Escola de Turismo Itinerante que está a fomentar a accesibilidade á formación a todas as empresas e ofrecendo unha formación a medida adaptada á realidade de cada negocio e a súa contorna.

Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia resaltou a metodoloxía moderna e eficaz do CSHG baseada nunha formación adaptada á realidade que combina teoría e práctica.

Así, Nava Castro afirmou que unha das partes da formación práctica máis importantes e relevantes para os alumnos do Certificado de Cociña son os “Restaurantes fugaces”.

Tras oito meses no Centro, alternando unha semana de teoría en Administración de Empresas con outra de práctica en Cociña, e tres meses de prácticas en empresas, os alumnos desenvolven a través desta práctica un proxecto de viabilidade empresarial no Restaurante á Carta do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Catros innovadoras propostas
Organizados en catro grupos, os alumnos do Certificado de Cociña poñen en marcha diferentes modelos de negocio de restauración que eles mesmos deseñaron previamente.

Cada grupo estará acompañado por un mentor de luxo –Beatriz Sotelo, Pepe Solla, Héctor López e David Ortiz- que os guiará no seu percorrido, con aportacións e correccións ás súas propostas, e que participará con eles na degustación de arranque que celebrarase o luns de inicio de cada proxecto.

Neste ano, verán a luz, dende este mes de febreiro ata o próximo mes de abril, catro innovadoras propostas. Do 15 ao 19 de febreiro, dará vida ao restaurante á carta do Centro o proxecto O Bagazo. Un novo estilo bistró, que conta coa colaboración de David Ortiz, no que un orixinal xogo de contrastes rescatará sabores tradicionais da gastronomía galega.

Do 29 de febreiro ao 4 de marzo será a quenda de Tépic. Con Beatriz Sotelo como mentora, os alumnos desenvolverán unha cociña fusión mexicana e galega cunha oferta de menú degustación variable cada día e unha carta fixa.

No mes de marzo –do 14 ao 18- o restaurante acollerá o proxecto Hemisferio, asesorado por Pepe Solla. Unha proposta gastronómica formada por diversas elaboracións internacionais nas que prima o produto galego.

Por último, os alumnos do proxecto Azento Asiático, co asesoramento de Héctor López, ofrecerán dende o 28 de marzo ao 4 de abril, unha oferta de carta, menú degustación e take away baseada en produtos frescos y españois cun toque asiático.